Definición

Definimos como vivenda de uso turístico (VUT) aquela que é cedida a terceiras persoas de xeito reiterado e a cambio de contraprestación económica. Estas cesións fanse para estadías inferiores a trinta días consecutivos en vivendas que se atopan equipadas e con todas as características establecidas por vía regulamentaria. As VUT teñen ademais a peculiaridade de que poden ser ofertadas por particulares na súa propia vivenda.

Introdución

Segundo o Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas de Galicia (REAT) a 01-11-2020 existen en Galicia 15.840 aloxamentos turísticos, dos cales 11.995 son vivendas de uso turístico. Estas cifras móstrannos o estendido que está na nosa comunidade este perfil de aloxamento, o cal aumentou nos últimos anos de forma extaordinaria.

Para facernos unha idea do protagonismo que está a coller, mostramos a continuación o incremento no número de aloxamentos dende xuño de 2017, mes no que se incorporou a categoría de "Vivendas de Uso Turístico".

Vemos como dende os primeiros meses o número de VUT comezou a aumentar a un ritmo inusual e moi superior ao de calquera outro tipo de aloxamento. Dende xuño de 2017, outros establecementos como os Apartamentos Turísticos ou os Albergues aumentaron o seu número nun 138,71% e un 130,54% respectivamente. Neste tempo, as VUT aumentaron nun 2.213,1%, pasando de 542 vivendas a 11.995 no mes actual.

Así, na actualidade as VUT engloban un 75,73% do total da oferta de aloxamentos, estando repartidas pola maioría dos concellos de Galicia pero con máis presencia nos das provincias de Pontevedra (92,1%) e A Coruña (91,6%).

Nos seguintes apartados analizaremos como se distribúen as VUT en Galicia tendo en conta os principais destinos turísticos, veremos tamén o número de prazas que abranguen e como se sitúan con respecto aos demais tipos de aloxamento.

Análise do número de prazas

A seguinte gráfica móstranos como as VUT son o tipo de aloxamento turístico que oferta de media un número menor de prazas. Esta característica supón que a pesar de abarcar o 75,73% do total de aloxamentos ofertados, englobe só un 30,16% do total das prazas.

A pesar disto, as VUT contan co maior número de prazas ofertadas (30,2%), seguidos polos hoteis cun 26,8% e os campamentos turísticos cun 16,4%.

Análise por rexións

Se nos fixamos no reparto por provincias, vemos na seguinte táboa como a maior parte das VUT se sitúan na provincia de Pontevedra, cun 47,5% do total de VUT e un 46,9% do total das prazas. A provincia con menor cantidade deste tipo de aloxamentos é Ourense, que conta cun 3,6% do total de VUT e un 3,7% do total das prazas.

Vivendas Prazas
Pontevedra 47.5 % 46.9 %
A Coruña 35.9 % 36.6 %
Lugo 12.9 % 12.8 %
Ourense 3.6 % 3.7 %
Total 100% 100%

Máis concretamente, se temos en conta o reparto por xeodestinos, atopamos a maior concentración de VUT na zona da Ría de Arousa e O Salnés. Neste territorio localízanse o 28,1% das VUT de Galicia. Vemos tamén como os 6 xeodestinos principais abranguen o 79,41% de todas as VUT, o cal é indicativo da gran concentración que podemos atopar nestas zonas.

O número de prazas varía pouco dependendo da zona na que se atopa a vivenda, situándose a media total de Galicia en 5,3 prazas por VUT e tendo o 70,77% destes aloxamentos entre 3 e 6 prazas.

1 ou 2 prazas 3 ou 4 prazas 5 ou 6 prazas > 6 prazas Media de prazas
A CORUÑA E AS MARIÑAS 10.9 % 35.4 % 37.8 % 15.9 % 5.2
ANCARES - COUREL 8 % 32 % 32 % 28 % 5.9
CELANOVA - LIMIA 5.1 % 30.8 % 28.2 % 35.9 % 6.6
COSTA DA MORTE 5.6 % 37.7 % 35.8 % 20.9 % 5.5
DEZA - TABEIRÓS 3.3 % 23 % 19.7 % 54.1 % 7.4
FERROLTERRA 4.8 % 36 % 35.6 % 23.6 % 5.6
LUGO E A TERRA CHÁ 6.6 % 32.5 % 36.6 % 24.3 % 5.6
MANZANEDA - TREVINCA 6.7 % 40 % 33.3 % 20 % 5.1
MARIÑA LUCENSE 7.8 % 44.3 % 31.9 % 16 % 5.1
O RIBEIRO 4.8 % 24.1 % 38.5 % 32.5 % 6.1
RÍA DE AROUSA E O SALNÉS 7.8 % 38.5 % 35.2 % 18.5 % 5.3
RÍA DE MUROS E NOIA 6.4 % 36.5 % 31.6 % 25.5 % 5.6
RÍA DE VIGO E BAIXO MIÑO 19.9 % 35.6 % 25.4 % 19.1 % 5.0
RÍA E TERRAS DE PONTEVEDRA 12 % 31.1 % 37.8 % 19 % 5.3
RIBEIRA SACRA 8.3 % 28.7 % 31.5 % 31.5 % 5.9
TERRAS DE OURENSE E ALLARIZ 11 % 38.8 % 33.3 % 16.9 % 5.1
TERRAS DE SANTIAGO 7.1 % 33.1 % 36.9 % 22.8 % 5.5
VERÍN - VIANA 0 % 0 % 33.3 % 66.7 % 8.3
MEDIA GALICIA 9.3 % 36.5 % 34.3 % 19.9 % 5.3

Cando analizamos o reparto por concellos vemos como destaca Sanxenxo por encima de todos cun 16 % do total das prazas, seguido por Santiago de Compostela cun 5.9 %. Na seguinte táboa podemos ver todos os concellos que contan cunha porcentaxe das prazas superior ao 1.5%.

Prazas en VUT Porcentaxe do total
SANXENXO 10195 16 %
SANTIAGO DE COMPOSTELA 3758 5.9 %
O GROVE 2186 3.4 %
A CORUÑA 2082 3.3 %
VIGO 2037 3.2 %
CANGAS 1705 2.7 %
BARREIROS 1569 2.5 %
FOZ 1566 2.5 %
POIO 1538 2.4 %
CARNOTA 1259 2 %
FISTERRA 1228 1.9 %
BUEU 1186 1.9 %
PONTEVEDRA 1070 1.7 %
BAIONA 997 1.6 %

Estudando a concentración de VUT segundo a superficie e segundo o número de habitantes podemos ver como Sanxenxo segue sendo o concello que máis destaca, con 226,2 prazas por \(km^2\) e 587,7 prazas por cada mil habitantes. Cabe destacar tamén o caso de Barreiros, que a pesar de ter só 21,67 prazas por \(km^2\) é o segundo concello con máis prazas por número de habitantes, achegándose moito a Sanxenxo con 534,76 prazas por cada mil habitantes. Nas seguintes táboa vemos os 10 concellos con máis concentración de prazas segundo o número de habitantes e segundo a superficie. Vemos tamén dous mapas nos que se representan todos os concellos de Galicia segundo o grao de concentración de prazas en VUT.

Concello Prazas/km2
SANXENXO 226.2
O GROVE 99.9
A ILLA DE AROUSA 92.5
A CORUÑA 55.0
POIO 45.3
CANGAS 44.8
FISTERRA 41.7
MONDARIZ-BALNEARIO 40.3
BUEU 38.5
CORCUBIÓN 35.0
Concello Prazas cada mil habitantes
SANXENXO 587.7
BARREIROS 534.8
CARNOTA 318.2
FISTERRA 260.8
O GROVE 205.3
O VICEDO 182.1
LAXE 158.2
FOZ 156.9
MONDARIZ-BALNEARIO 144.4
CORCUBIÓN 143.5